Esta proba que rematará en Ferreira de Pantón,
promoveu Galicia como destino de golf nas comunidades autónomas de
Asturias, A Rioxa, Castela e León, País Vasco, Madrid e Navarra
Corenta e oito golfistas da categoría sénior, dos 483 que
participaron no IV Circuíto de golf Turismo de Galicia, compiten entre onte e
hoxe na fase final deste torneo que se celebrará no campo de golf de Augas
Santas, en Ferreira de Pantón, para optar a un dos oito premios que se
outorgan este ano.
Os 48 participantes nesta fase final optarán aos premios
primeiro e segundo scratch, primeiro e segundo hándicap, primeiro máster sénior
e primeira dama. Ademais haberá premios para a mellor volta do segundo día
(scratch) e mellor volta do segundo día (hándicap). Durante a fin de semana
tamén se desenvolverá un torneo para acompañantes.
Este torneo ten lugar logo da celebración do I, II e III e circuítos
de golf sénior Turismo de Galicia, nos anos 2011, 2012 e 2013, nos que
participaron preto de 1.200 golfistas de toda España.
As probas do III Circuíto de golf sénior Turismo de
Galicia veñen celebrándose dende o pasado 2 de setembro en campos das
comunidades autónomas de Asturias, A Rioxa, Castela e León, País Vasco, Madrid
e Navarra.
Produto turístico
Dende o punto de vista da promoción turística de Galicia, o Circuíto
de Golf sénior consiste na creación e desenvolvemento dun produto
destinado ao xogador de golf sénior, concibido mediante a combinación de tres
atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística galega:
termalismo, gastronomía e campos de golf.
Os obxectivos do produto de golf sénior son, por unha parte,
posicionar Galicia como o destino ideal para o xogador de golf de máis idade e
atraer os xogadores nacionais deste perfil para que visiten a Comunidade
galega, ofrecéndolles unha alternativa turística diferenciada e altamente
valorada por estes.
Ademais, con esta iniciativa, preténdese servir de enlace
entre a industria do golf e a industria turística local.
Este circuíto de golf facilitará tamén a presentación da
oferta de campos e servizos turísticos mediante un produto estratexicamente
diferenciado.
Golf sénior e oferta complementaria
Outro dos obxectivos deste circuíto é ofrecer un programa
concreto e atractivo para o xogador e colectivo sénior que se está convertendo
nun segmento de grande importancia no sector do golf en España.
Neste sentido, o Circuíto de golf senior Turismo de
Galicia constitúe unha ferramenta de promoción para Galicia como
destino de turismo activo e deportivo no que ademais se complementa con outras
actividades paralelas coma o termalismo, a gastronomía ou a enoloxía.
Plan integral de Turismo de Galicia
Dentro do Plan Integral de Turismo de Galicia reflíctese a
necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de
turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa,
así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.
Así, ata o ano 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á
promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con
operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.
Entre as actuacións máis salientables están a participación
en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación
especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización
de eventos green day para participantes amateurs, o lanzamento
de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con
turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de green
fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por
monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación
Galicia, Destino Golf; e a creación de paquetes turísticos, ofertando golf,
aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.