sábado, 11 de octubre de 2014

Augas Santas acolle a final do Circuito Sénior de Golf Turismo de Galicia no que participaron preto de 500 golfistas de toda España

Esta proba que rematará en Ferreira de Pantón,  promoveu Galicia como destino de golf nas comunidades autónomas de Asturias, A Rioxa, Castela e León, País Vasco, Madrid e Navarra

Corenta e oito golfistas da categoría sénior, dos 483 que participaron no IV Circuíto de golf Turismo de Galicia, compiten entre onte e hoxe na fase final deste torneo que se celebrará no campo de golf de Augas Santas, en Ferreira de Pantón,  para optar a un dos oito premios que se outorgan este ano.
Os 48 participantes nesta fase final optarán aos premios primeiro e segundo scratch, primeiro e segundo hándicap, primeiro máster sénior e primeira dama. Ademais haberá premios para a mellor volta do segundo día (scratch) e mellor volta do segundo día (hándicap). Durante a fin de semana tamén se desenvolverá un torneo para acompañantes.
Este torneo ten lugar logo da celebración do I, II e III e circuítos de golf sénior Turismo de Galicia, nos anos 2011, 2012 e 2013, nos que participaron preto de 1.200 golfistas de toda España.
As probas do III Circuíto de golf sénior Turismo de Galicia veñen celebrándose dende o pasado 2 de setembro en campos das comunidades autónomas de Asturias, A Rioxa, Castela e León, País Vasco, Madrid e Navarra.

Produto turístico
Dende o punto de vista da promoción turística de Galicia, o Circuíto de Golf sénior consiste na creación e desenvolvemento dun produto destinado ao xogador de golf sénior, concibido mediante a combinación de tres atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística galega: termalismo, gastronomía e campos de golf.
Os obxectivos do produto de golf sénior son, por unha parte, posicionar Galicia como o destino ideal para o xogador de golf de máis idade e atraer os xogadores nacionais deste perfil para que visiten a Comunidade galega, ofrecéndolles unha alternativa turística diferenciada e altamente valorada por estes.
Ademais, con esta iniciativa, preténdese servir de enlace entre a industria do golf e a industria turística local.
Este circuíto de golf facilitará tamén a presentación da oferta de campos e servizos turísticos mediante un produto estratexicamente diferenciado.

Golf sénior e oferta complementaria
Outro dos obxectivos deste circuíto é ofrecer un programa concreto e atractivo para o xogador e colectivo sénior que se está convertendo nun segmento de grande importancia no sector do golf en España.
Neste sentido, o Circuíto de golf senior Turismo de Galicia constitúe unha ferramenta de promoción para Galicia como destino de turismo activo e deportivo no que ademais se complementa con outras actividades paralelas coma o termalismo, a gastronomía ou a enoloxía.

Plan integral de Turismo de Galicia
Dentro do Plan Integral de Turismo de Galicia reflíctese a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.
Así, ata o ano 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.

Entre as actuacións máis salientables están a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos green day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de green fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf; e a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.